Estrea en Santiago da adaptación teatral de “Os nenos da varíola”

A compañía Pérez&Fernández en coprodución co Centro Dramático Galego levan á escena unha adaptación do libro “Os nenos da varíola” de María Solar.

Estrea en Santiago da adaptación teatral de “Os nenos da varíola”

A obra dirixida por Victoria Pérez conta no elenco con Manu Fernández, Isabel Risco e Xosé Leis. Eles serán os encargados de desenvolver esta peza teatral para público familiar que se estrea do 28 de febreiro no Salón Teatro en Santiago con funcións tamén o 29 de febreiro e 1 de marzo. Desde esa data a compañía inicia unha intensa xira por Galicia.

A adaptación conta a historia da Real Expedición Filantrópica da Vacina, que en 1803 partiu do porto d´A Coruña con vinte e dous nenos de entre 3 e 9 anos procedentes de orfanatos de Madrid, Santiago e A Coruña.

Estes nenos forman unha cadea humana para levar a vacina, brazo a brazo, en perfectas condicións até América onde se sufría unha forte e mortal epidemia. Foi a primeira vez que se implantou a vacinación como un método de medicina preventiva e grazas eles hoxe a varíola é a única enfermidade erradicada do planeta cunha vacina.

Isabel Zendal, o Doutor Balmis, Ezequiel, Inés, Tomás, ou Clemente tomarán agora vida sobre os escenarios na que promete ser unha exitosa xira teatral.