María Solar | Biografía

Son escritora e xornalista. Presentadora do magacín informativo A Revista Fin de Semana da Televisión de Galicia e, presentadora e directora do programa de libros Chamando á Terra da Radio Galega.

Nacín o día de Nadal de 1970 en Santiago de Compostela, onde vivo. De pequena o meu tempo pasaba entre libros e televisión, e de adulta fixen de ambas as cousas a miña profesión. Así que teño a sorte de traballar no que me gusta e por iso síntome afortunada.

Na miña formación académica mesturei con toda naturalidade as ciencias e as letras. Son licenciada en Bioloxía (USC) e en Xornalismo (SEK Segovia), diplomada en Maxisterio (USC), Especialista en Información Ecolóxica e Ambiental (Universidade Politécnica de Madrid). Son membro do Comité Consultivo da Facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago de Compostela.

Profesionalmente sempre me centrei no mundo da comunicación, a través do xornalismo en radio e televisión, pero tamén en prensa e revistas. A escritura xurdiu despois pechando o círculo da comunicación desde o punto de vista da ficción.

Son xornalista de Televisión de Galicia (TVG) e Radio Galega desde fai máis de vinte anos. Para TVG presentei un gran número de espazos de todos os xéneros como o cultural ZigZag Diario, Ciencianosa, En pé de festa, Arrampla con todo, galas, programas especiais, etc. En Radio Galega acumulei tamén ampla experiencia na que destacan os oito anos dirixindo e presentando o magacín da tarde As Tardes da Galega. Fun tamén actriz de dobraxe.

No mundo da comunicación recibín diversos recoñecementos, entre eles o ZigZag Diario da TVG, conseguiu en 2012 e 2013 o premio Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual ao mellor programa de TV, que repetiu en 2018 co actual A Revista Fin de Semana; en 2013, 2017 e 2018 fun finalista a Mellor Comunicadora de TV; recibín o 2º premio Galicia Innovación de Xornalismo de Investigación.

A literatura é a miña outra paixón xunto ao xornalismo. Son para as miñas dúas caras da comunicación, unha real e outra ficcionada, pero en ambas as dúas ao outro lado hai alguén a quen lle queres contar algo.

As miñas novelas tiveron por destinatario tanto ao público adulto como o de todas as idades, porque así é como entendo a literatura infantil e xuvenil: como literatura para todas as idades.

Tiven a sorte de contar co respaldo e o apoio dos lectores para os meus libros e de conseguir premios e traducións a outros idiomas. O meu pesadelo favorito é o meu libro máis galardoado, conta co premio Lazarillo de creación literaria 2014, foi incluído na prestixiosa lista White Ravens 2016 da biblioteca de Munich na que seleccionan anualmente os mellores libros infantís do mundo, Libro do ano 2015 na revista Fervenzas Literarias e premio ao Mellor Libro Infantil-Xuvenil no I Gala do Libro Galego. A verdadeira historia dá mosca dá tele, recibiu o Premio Frei Martin Sarmiento 2014; e Vou ter un irmán!!! Premio Frei Martin Sarmiento 2013. Con Teño uns pés perfectos entrei de novo na prestixiosa lista White Ravens 2017. No mesmo ano As horas roubadas foi elixida Mellor Novela para Adultos no Premio Frei Martin Sarmiento. En 2018 Os nenos da varíola foi recoñecida como mellor obra xuvenil na III Gala do Libro Galego.

A miña obra, escrita orixinalmente en galego, pódese ler tamén en castelán e catalán. E fun traducida internacionalmente ao polaco e pronto ao italiano, portugués, chinés e filipino.

  • Ecoloxía na aula
    Editorial Lea
  • O libro do noso mar
    Editorial Lea
  • O tempo do revés
    Bahía Edicións
  • Boa Sorte
    Bahía Edicións
  • O fillo do pintamonas
    Editorial Tambre
  • Vou ter un irman!!!
    Editorial Galaxia
  • As meigas de Lupa
    Editorial Xerais
  • A verdadeira historia da mosca da tele
    Editorial Galaxia
  • La verdadera historia de la mosca de la tele
    Editorial Anaya
  • O meu pesadelo favorito
    Editorial Galaxia
  • Mi pesadilla favorita
    Editorial Siruela
  • El meu malson favorit
    Edicións Bromera
  • Teño uns pés perfectos
    Kalandraka
  • Tengo unos pies perfectos
    Kalandraka
  • Las brujas de la reina Lupa
    Editorial Anaya
  • La història autèntica de la mosca de la tele
    Andana Editorial
  • As horas roubadas
    Edicións Xerais
  • Las horas robadas
    Editorial Grijalbo,
    Grupo Penguin Random House
  • Tindré un germanet!
    Editorial Animallibres
    Colección La formiga
  • ¡Voy a tener un hermano!
    Editorial Algar
    Colección Calcetín
  • Tindré un germanet!
    Editorial Bromera
    Colección El Micalet Galactic
  • Os nenos da varíola
    Editorial Galaxia
  • Los niños de la viruela
    Editorial Anaya
  • L'expedició del doctor Balmis
    Edicions Bromera
  • Tinc uns peus perfectes
    Kalandraka
  • Skradzione godziny
    Kobiece
  • ¿Quieres ser periodista?
    Edicions Siruela

Ségueme en...