Os nenos da varíola

Baseada na historia real dos 22 nenos orfos da expedición Balmis que levaron no seu corpo a vacina da varíola a América

No hospicio da cidade da Coruña , en 1803, os nenos sobreviven a duras penas. Nin eles, nin a súa reitora Isabel Zendal, poden imaxinar de que maneira lles cambiará a vida a chegada do doutor Balmis e a súa expedición médica. Só o ilustrado doutor Antonio Posse Roybanes coñece a envergadura do propósito destes homes que pretenden levar a recentemente descuberta vacina da varíola ata o Novo Mundo. Vinte e dous orfos procedentes de Madrid, A Coruña e Santiago conformarán unha cadea humana “brazo a brazo” para levar a vacina aos territorios de ultramar nunha das maiores xestas médicas realizadas na historia da humanidade.

"María Solar transpórtanos a comezos do século XIX cunha linguaxe áxil e atractiva mostrándonos unha odisea que merece a pena ser coñecida e por suposto lida". Todo Literatura.

"O dominio do tempo narrativo e o tratamento dos personaxes, cheos de autenticidade, son dous dos factores que contribúen a facer de Os nenos da varíola unha narración viva, emocionante, que ten moito de homenaxe e de memoria". J.M. Giráldez, El Correo Gallego.

"María non só trata de homenaxear aos pequenos protagonistas senón tamén de achegar a historia aos mozos lectores, xa que sobre este tema non hai nada para eles". Revista Magisterio.

"Altamente documentada, describe con transparencia e estilo propio a atmosfera -social, cultural e política- da época sen esquecer nin as peripecias persoais dos protagonistas nin cuestións suxestivas como son os conceptos de heroicidade ou caridade e aborda os constantes dilemas morais". Ramón Nicolás. La Voz de Galicia.

"Un fito da medicina convertido en adictiva novela xuvenil de aventuras que combina varias tramas con gran eficacia". Canal Lector

Ségueme en...