17 Outubro, 2016 msolar

O LIBRO “TEÑO UNS PÉS PERFECTOS” DE MARIA SOLAR ENTRA NA PRESTIXIOSA LISTA THE WHITE RAVENS

Se o ano pasado foi “O meu pesadelo favorito” este ano María Solar consegue entrar na prestixiosa lista The White Ravens dos mellores libros infantís do mundo con “Teño uns pés perfectos”. Publicado na colección Sete Leguas de Kalandraka, entra así na selección The White Ravens 2016 pola Internationale Jugendbibliothek de Munich, que elixiu 200 obras de 60 países para formar parte desta selecta escolma dos mellores libros infantís e xuvenís. O comité de selección destacou que María Solar aborda nesta obra un aspecto tan “novidoso e inusual” como os pés, dando como resultado un libro “informativo e entretido”. Os especialistas da Internationale Jugendbibliothek tamén destacaron o “enxeño” das ilustracións do arxentino Gusti, que invitan os lectores a “fixarse máis” nesta parte do corpo.

Concebido como un libro dentro doutro libro, “Teño uns pés perfectos” contén unha parte de creación literaria e outra informativa, diferenciadas pola cor do papel. O protagonista é un neno que se presenta a un concurso no que, inesperadamente, ten que demostrar os seus coñecementos sobre os pés, dos que non sabe nada ata que descobre un libro con información sobre os tipos de pés, a súa anatomía, a función que cumpren e moitas curiosidades sobre esa parte das extremidades inferiores que pasa tan desapercibida. A narración destaca polo ton humorístico e ameno.

Con esta nova distinción, María Solar suma outra obra na lista The White Ravens, que xa acadara en 2015 con “O meu pesadelo favorito” publicado en galego por Galaxia, castelán en Siruela “Mi pesadilla favorita” e en catalán en Bromera “El meu malson favorit”. Na actualidade o libro “Teño uns pés perfectos” de Kalandraka, conta tamén coa edición en castelán “Tengo unos pies perfectos” e en breve sairá en portugués e catalán.

El libro

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR

Aviso de cookies