A editorial Xerais celebrou este sábado unha emotiva gala de entrega dos seus premios tras dous anos pandémicos sen poder realizala. O acto tivo lugar no Museo do Mar de Galicia en Vigo onde se entregou o premio Xerais de Novela 2022 a María Solar pola súa obra ‘A Culpa’, o premio de novela xuvenil Jules Verne a Rocío Leira por ‘Cicuta para dous’ e Anxo Iglesias na categoría infantil por ‘Unha nova dimensión’
A gala foi presentada pola actriz Sabela Hermida e nela o director da editorial Xerais, Fran Alonso, resaltou o momento de éxito que vive a literatura galega nos últimos anos.
María Solar destacou na súa intervención tras recibir o premio das mans do editor Xosé Manuel Moo a alegría por recibir un galardón tan querido e recoñecido polos lectores galegos. A autora destacou que le e colecciona os libros premiados co Xerais de novela desde a súa adolescencia como un libro referente na produción anual.