2 Abril, 2026 msolar

MARÍA SOLAR AUTORA DO MANIFESTO DO DÍA DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL


O 2 de abril, Día Internacional de Libro Infantil e Xuvenil, celébrase este ano en Galicia co primeiro manifesto de GÁLIX que a asociación encargou á autora María Solar. O texto reivindica que a celebración deste día, sexa en Galicia para poñer en valor o libro en galego. O manifesto fai un emotivo repaso polo acompañamento que as publicacións infanto-xuvenís fan ás crianzas ao longo da súa vida, adaptándose ás necesidades dos cativos e potenciando as distintas etapas do seu desenvolvemento. O libro infantil e xuvenil é unha ferramenta esencial no asentamento da lingua galega, así como no desenvolvemento de hábitos lectores e o achegamento curioso ao mundo.

Este é o manifesto da celebración:

“Hai libros que se roen, se mastigan, se esfolan. Son libros gordiños e de poucas páxinas. Libros con escasas palabras, pero importantes: un dous tres catro, peixe sapo, carneiro, beeeeee, muuuuu, arriba e abaixo.

Hai libros que son para ler en alto, para contar antes de durmir con papá ou mamá facendo todos os personaxes. Que grandes actores somos nesta casa!

Hai libros cos que explicar cousas tristes, como o que lle pasa á avoa cando perde as palabras ou de onde saíu o irmanciño novo.

Hai libros que son a vitoria máis grande nunca conseguida!! Porque xa os liches sen axuda! Xa sabes ler!!

Hai libros con nomes coma o teu… Xoana, Maruxa, Antón e que pasan en sitios que están preto de ti: Lugo, o monte do Pindo, a praia do Orzán.

Hai libros tristes e outros felices, rápidos e lentos, serios e divertidos.

Hainos de persoas que existiron e, outros, de personaxes inventados, hainos que son teatro, hainos que cantaruxan porque son poesía.

Moitos deles morrerán en acto de servizo, daranse ou acabarán no lixo cando o cuarto pase a ser de maiores. Non hai libros máis altruístas. Pero sabede que non se perden, porque estes libros, cando saen dos andeis, xa están metidos nas células, amarrados ao ADN de quen os leu. Forman parte das persoas adultas que serán.

No Día do Libro Infantil e Xuvenil, GÁLIX reivindica que o 2 de abril sexa en Galicia, o Día do Libro Infantil e Xuvenil en galego. É o recoñecemento á literatura e aos libros que afianzan a nosa cultura, que levan a lingua de noso a quen aínda a está mamando. Que hai que queramos máis que aos nosos nenos e nenas? Alimentémolos en galego!

Para todas e todos vós, grandes e pequenos, actores caseiros, mastigadores de libros e vencedores que xa sabedes ler… Feliz Día do Libro Infantil e Xuvenil en galego!”

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR

Aviso de cookies