“Il mio incubito preferito” xa nas librarías en Italia

A tradución ao italiano de “O meu pesadelo favorito” está xa nas librarías italianas da man da prestixiosa editorial Giunti dentro da súa colección infantil “Bestseller dal Mondo”.

“Il mio incubito preferito” xa nas librarías en Italia

O orixinal galego publicado en Galaxia foi merecedor no seu día do Premio Lazarillo de Creación Literaria, así como doutros galardóns entre os que se encontra a distinción da lista White Ravens na que a Biblioteca de Munich destaca cada ano os mellores libros infantís do mundo, ou o premio ao mellor libro infantil da I Gala do Libro Galego.

É a historia do pequeno Manuel que vítima da febre e dun xarope para cans que lle receitou o veterinario non podía deixar de soñar e soñar con estraños personaxes. Así coñeceu a un vendedor de olores de recordos; a unha repartidora de bicos; a un extraterrestre moi preguntón que se move polos sumidoiros; e a Alicia, unha nena que non era quen parecía ser. Unha historia deliciosa, absolutamente chea de imaxinación na que descubrir a importancia do diferente e dos seres únicos.

O libro xa contaba con traducións ao castelán “Mi pesadilla favorita” editado por Siruela e ao catalán “El meu malson favorit” de Bromera. Agora ábrese unha nova vida para Manuel entre os lectores infantís de Italia.